9/12/08

SAMAÍN E MAGOSTO 2008



(Preme nas fotos, se queres aumentalas)







Velaquí as fotos dos murais que se fixeron para celebrar o Samaín e o Magosto deste ano 2008. Dende agora xa coñecemos moi ben a historia desta festa celta: o Samaín.


Que bonitas rimas e refráns podemos ler nestas castañiñas!!





O día 14 de novembro celebramos o Magosto e algúns comeron castañas a fartar.




4/12/08

UN ANO EN FOTOS




Esta é unha pequena mostra dalgunhas das actividades do curso pasado, mais non aparecen as fotos das saídas e doutras actividades realizadas, como por exemplo, as fotos do Meco. Pronto poderedes velas noutra presentación.



16/11/08

"O LIBRO DAS PALABRAS REGALADAS DO OUTONO"


Este outono chegou cargado de palabras, das vosas palabras, esas que vos regalaron os vosos familiares. Tivemos a presentación do libro o día 14 de novembro, e a fermosa "Fada das Palabras Regaladas e os Agarimos" díxonos que estes son os verdadeiros agasallos, moito máis importantes cós que custan cartos. Tamén se lles entregou un exemplar aos nenos e nenas do C.E.I.P. Carballal, cos que compartimos o centro durante este curso, ademais das palabras "COMPARTIR" e "AMIZADE".
Aquí tendes o vídeo que se fixo con algunhas das palabras que aparecen no libro, o cal puidestes ver ese mesmo día proxectado co canón; para ler os significados destas palabras contamos con dous estupendos narradores, Ailén e Néstor.












Para rematar todos e todas limos as palabras que aparecen neste vídeo; pero para lelas todas, haberá que mirar o libro que está na nosa biblioteca.

E o acto continuou, deseguido puxémonos a cantar "Corre, corre, cabaciña", con bis incluído.

17/9/08

FOTOS

CONTO VIAXEIRO 2008

Este ano o noso conto, que xa é o terceiro, titúlase "Laura, a serea da Illa Vermella", este é un conto cheo de solidariedade, amizade e ...amor. Aquí tendes o vídeo que fixo o E.N. D.L. do centro cos debuxos e o texto que entre todos e todas creastes. Xa sabedes, porque todos e todas levastes un conto para a vosas casas, que o texto é máis longo; pero aquí está un pouco reducido para que sexa máis dinámico e para que a súa lectura sexa máis doada.

O Día do Libro puidemos ver co canón a presentación do noso conto, agora aquí o tendes para lelo cando queirades.

Erro: Cando no texto aparece: "Cando Laura chega á illa descubre que os sereos e as sereas están enfermos"..., debería dicir descobre.


21/6/08

SEMANA CULTURAL 2008




Un ano máis celebramos a nosa Semana Cultural 2008 na que os nenos e nenas de E.I. e primeiro ciclo puideron aprender a debuxar moreas de animais - crocodilos incluídos- con ABRAHAM CARREIRO, fillo de Pepe Carreiro, a quen todo o mundo coñece polos seus libros de “Os Bolechas”.

O día 14 de maio, o alumnado do 2º e 3º ciclo recibiu a visita dunha recoñecida escritora: FINA CASALDERREY, quen falou sobre o seu labor como escritora e sobre algúns dos libros lidos por este alumnado como son: "Quen me quere adoptar?"(3º), "A lagoa das nenas mudas" (4º), "Chamizo "(5º) e "Asústate, Merche" (6º).

Aquí vemos cómo nos ensinou que se poden botar a navegar dúas follas polo río da poesía.

CONTO VIAXEIRO 2007

As Estrelas da Amizade

Día das Letras Galegas 2007

Este é o vídeo que realizou o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do centro con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a María Mariño Carou. Ao mesmo tempo, puidemos ver a "a nosa María Mariño" de carne e óso interpreta por Iris, quen nos relataba a súa vida. Tamén aparecía en escena Uxío Novoneyra, o seu grande amigo, quen ao final nos contaba cómo morría esta gran poeta -costureira de versos- da nosa literatura.

Se non se ve o vídeo preme en Letras Galegas na etiqueta (abaixo).

12/6/08

LETRAS GALEGAS 2008

"Rap de Xosé María Álvarez Blázquez"
Nas Letras Galegas puidemos coñecer a biografía e a obra do autor homenaxeado este ano dunha maneira diferente, xa que foi a través do "rap" que nos cantaron catro nenos e nenas de 6º. Aquí tendes a montaxe que fixo o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do "cole", aínda que neste momento non se pode escoitar a música, tentarei arranxalo en breve:

Se non se ve o vídeo preme en Letras Galegas na etiqueta (abaixo).



Vexamos tamén a presentación do seu poema "A Cometa".


DIRECCIÓNS INTERESANTES

A continuación propóñovos unha serie de direccións moi interesantes, como o seguinte tradutor, aínda que xa sabedes que ás veces estas traducións son un pouco peculiares:
http://sli.uvigo.es/tradutor/
Nesta ligazón tendes traducidos ao galego algúns libros da nosa literatura universal:
http://www.bivir.com/
Máis cultura, imposible en:
http://www.culturagalega.org/
Para ler un xornal interesante preme aquí.
http://www.anosaterra.org/
http://www.vieiros.com/
Para buscar libros, discos... en galego:
http://www.andelvirtual.com/
http://bvg.udc.es/
E tamén dicionarios e enciclopedias:
http://www.edu.xunta.es/dicionarios/index_rag.html
http://gl.wikipedia.org/wiki/Portada
http://gl.wiktionary.org/wiki/P%C3%A1xina_Principal

8/5/08

WEBQUEST sobre Xosé María Álvarez Blázquez


Aquí tendes a webquest na que podedes traballar para coñecer a figura do homenaxeado. Lede atentamente todos os apartados antes de comezar e buscade a información nos enlaces que vos propoñemos. A navegar!!

Preme na foto.

24/3/08

O Arco da Vella

Este fermoso poema, escrito por Xosé María Ávarez Blázquez, forma parte do libro "Roseira do teu mencer" (podedes atopalo na biblioteca do centro), que foi adicado a súa filla chamada familiarmente "Colorín". O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso centro realizou esta presentación, espero que vos guste:

Se non se ve o vídeo preme en Letras Galegas na etiqueta (abaixo).


23/3/08

Día da Poesía

O día 21 de marzo celébrase o Día da Poesía. A continuación aparece un poema de Rosalía de Castro titulado Negra Sombra, moi coñecido grazas a canción de Luz Casal e Carlos Núñez ou á de Amancio Prada.


Cando penso que te fuches
negra sombra que me asombras
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida
no mesmo sol te me amostras
i eres a estrela que brila
i eres o vento que zoa
Si cantan, es ti que cantas
si choran, es ti que choras
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora
En todo estás e ti es todo
pra min i en min mesma moras
nin me dexarás ti nunca
sombra que sempre me asombras.





Adiós , ríos; adiós, fontes...

Este é outro famoso poema desta autora, cantado centos de veces.


Adiós , ríos; adiós, fontes...

Aquí tendes unha versión moi moderna de "Adiós, ríos; adiós, fontes..."

ROSALÍA DE CASTRO (1837-1885)


O día 24 de febreiro foi o día de Rosalía de Castro; pero non só nesa data, senón en máis ocasións, debemos recordar a esta gran escritora e poeta do noso Rexurdimento. Aquí tendes unha boa páxina na que poderedes ver cousas moi interesantes:

http://www.rosaliadecastro.org

ROSALÍA DE CASTRO
(1837 – 1885)

Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 1837Padrón, 15 de xullo de 1885) é unha das mellores escritoras/es en lingua galega e unha das principais responsábeis do Rexurdimento galego decimonónico. O 17 de maio, Día das Letras Galegas é feriado por causa de ser a data de edición da súa obra

Tradicionalmente considerada filla de Xosé Martínez Viojo, crego de Iria, en Padrón, e de María Teresa de la Cruz de Castro e Abadía, fidalga da casa grande de Arretén, o certo é que, segundo as últimas achegas biográficas, descoñecemos o nome do verdadeiro pai de Rosalía -a paternidade de Martínez Viojo resulta apenas dunha transmisión oral, allea á familia da poeta, e sen ningunha base documental-. Tras os estudos levados a cabo por Victoria A. Ruiz de Ojeda sabemos que, contrariamente ao tópico mantido durante décadas, Rosalía foi criada en Padrón pola súa nai. Non se sabe exactamente cando se trasladaron a Compostela, pero si que en 1850 vivían nai e filla nesa cidade. Alí recibiu formación musical, artística e literaria; participou nas actividades do "Liceo de la Juventud", onde coincidiu con Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Paz Novoa.

En 1856 trasladouse a Madrid, onde viviu cunha curmá. Comezou a publicar e en 1858 casou con Manuel Murguía, investigador e xornalista. A vida do matrimonio fíxose itinerante debido ós cargos funcionariais de Murguía. En 1859 regresaron a Galiza, onde naceu a súa primeira filla; en 1861, de novo en Madrid, publicou obras en galego e castelán. Logo duns anos en Madrid, trasladáronse a Lugo, e despois voltaron a Madrid, onde naceu Aura; as actividades do seu home leváronos por diferentes lugares: Simancas, A Coruña, Compostela, Lestrobe, Estremadura, Alacante... e mentres foron nacendo máis fillos: os xemelgos Gala e Ovidio, Amara, Adriano.

Rosalía botou os derradeiros anos da súa vida en Padrón, onde a familia alugara a casa da Matanza, que despois se convertería en casa-museo. A morte do seu fillo máis novo aos dous anos por mor dun accidente e a súa enfermidade amargáronlle os derradeiros anos. Morreu de cancro en 1885 e foi soterrada no camposanto da Adina. Anos máis tarde, en 1891, os seus restos foron trasladados ó actual Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.

Obra

En castelán

Categorías: Rexurdimento | Escritores en lingua galega | Escritores en lingua castelá | Día das Letras Galegas | Escrit

30/1/08

CATEDRAL DE TUI

O homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas é Xosé María Álvarez Blázquez, escritor e editor que loitou por dar a coñecer o noso idioma e a nosa cultura. Naceu na fermosa vila de Tui, onde se atopa unha impresionante catedral da que podemos ver unhas imaxes a continuación. A catedral ten apariencia de fortaleza e posúe unha mestura de estilos románico e gótico; a súa construción comezou no 1120, pero non foi consagrada até o 1225.



28/1/08

Carteis do Entroido tradicional




  • Estes son algúns dos carteis que se fixeron o ano pasado no "cole" para dar a coñecer os entroidos tradicionais. Traballo custou a nenos, nenas e profes; pero ben bonitos que quedaron.


14/1/08

Magosto 2007

No Magosto deste ano, ademais da enchente de castañas que se comeron, o alumnado do centro fixo uns bonitos murais sobre: os froitos de outono, a colleita do millo...

12/1/08

Estudo sobre a toponimia de Mos

Anímate a participar! (Ler reseña no lateral)

11/1/08

Pazo de Mos


Este curso temos previsto realizar unha visita ao Pazo de Mos, que aínda que se atopa moi preto de nós é descoñecido por moitos. Desta maneira poderemos comprobar como se realizou a restauración deste edificio do século XVII.

No Medievo, este lugar era coñecido polo nome de *Molis*. No século XVII, o rei Carlos II concedeulle o privilexio de ostentar un *marquesado*. O primeiro marqués de Mos foi *Gabriel Sarmiento de Soutomaior*, Grande de España, descendente dun ilustre liñaxe galego. O municipio tamén foi declarado *Vila?*, título que perdeu no século XIX despois de ser destruída na Guerra da Independencia contra os franceses. No apartado eclesiástico, Mos conta con dúas igrexas de estilo románico do século XII: a de *Santa María de Guizán *e a *igrexa de San Salvador Louredo*, reformada con detalles barrocos no século XVIII.



10/1/08

Entroido 2007

Se non se ve o vídeo preme en Entroido na etiqueta (abaixo).



Vídeo realizado polo ENDL do C.E.I.P. Mestre Martínez Alonso