15/11/09

Samaín 2009

Ola, nenos e nenas! Aquí estamos de novo, neste curso 2009/2010, para mostrarvos o que se fai dende o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso centro. Comezaremos por ensinarvos as fotos da exposición de cabazas decoradas que se realizou neste Samaín 2009. Como sempre houbo moito inxenio e creatividade.





MERENDA MONSTRUOSA DO ALUMNADO DE E.I. E 1º CICLO
As profes de E.I. fixeron unha merenda tan terrorífica que facía tremer a calquera!




CONTO DE XAIME E AS LANDRAS

Os nenos e nenas de E.I. contáronlle un conto, titulado "Xaime e as landras", ao alumnado de 6º, quen tivo que escribilo e xuntos fixeron uns fermosos debuxos.


29/6/09

IV CONTO VIAXEIRO

UNHA AVENTURA INCRIBLE
Preme en "fullscreen" para poñelo en pantalla completa.

unha aventura incrible

XORNAL LOURO nº 40

Se queres velo en pantalla completa preme en "fullscreen".
xornal louro 09

9/6/09

AS LINGUAS SUMAN

Dende este blogue non queremos deixar de manifestar o innecesario, e até retrógrado, que nos parece cuestionar o valor lingüístico de uso e aprendizaxe que a lingua galega debe ter. Porén, o decreto que rixe o uso do galego está a se debatir, un decreto que fixa un equilibrio do 50% entre as dúas linguas. Temos que entender que a lingua forma parte do noso patrimonio e que non exclúe ningún tipo de aprendizaxe, senón que aumenta as potencialidades lingüísticas do noso alumnado, tal como queda reflectido no informe Pisa, nel constátase que o dominio do castelán e o inglés dos alumnos e alumnas galegos/as é superior á media española. Se queres ler máis información a este respecto aquí tes este documento:





Triptico as Linguas Suman

28/5/09

"O LIBRO MÁXICO" de MIGALLAS

Dentro dos actos desta IV Semana Cultural, contamos coa actuación da coñecida compañía de teatro "Migallas", que representou a fascinante obra titulada "O Libro máxico". Grazas a estes actores puidemos comprobar que dentro dun libro hai todo un mundo de fantasía, só temos que abrir a porta, e... como?, pois abrindo un libro, xa que todos os libros poden ser máxicos, comprobádeo!! Moito rimos e cantamos e, para que vos acordedes dese día, aquí tendes unha morea de fotos.



CERTAME LITERARIO 2009

Un ano máis fixemos entrega dos agasallos aos premiados e premiadas neste Certame Literario 2009. Esperamos e desexamos que sigan a escribir e... quen sabe!!, talvez dentro duns anos reciban outro merecido premio nun certame máis importante. As sorprendentes narracións e os fermosos poemas dos gañadores/as serán publicados no noso xornal "Louro", en xuño. Tamén foi premiado, como todos os anos, o alumnado de Educación Infantil polo seu gran traballo realizado na modalidade de "murais", o tema do mesmo era: "O galego como medio de comunicación" e o seu título é "Dona Carme" (como podedes ver na foto este ano vai ser un mural permanente, porque foi feito nunha parede da E.E.I. de Louredo).





27/5/09

Parolando sobre Ramón Piñeiro

Para celebrar o Día das Letras Galegas puidemos ver a presentación sobre a biografía do autor homenaxeado, narrada polo noso "particular" Ramón Piñeiro; quen, como de costume, aparecía sentado na súa mesa de braseiro escribíndonos unha carta. Pero antes, grazas a Mariña e a Pepiño, xa soubemos algunhas cousiñas sobre este autor, a pesar de que Pepiño ben que se liaba!! Menos mal que Mariña lle aclaraba todo -que paciencia tivo!!-, tamén nos leu a carta onde Ramón Piñeiro nos contaba o importante que é a nosa lingua, o galego.

(Se queres ver as fotos detidamente, pon o cursor enriba da foto e preme en pausa)

26/5/09

O Gato con Botas

Os nenos e nenas de 2º demostraron que son uns estupendos actores e actrices!! Este ano representaron a obra titulada "O Gato con Botas", e o público quedou moi sorprendido, aínda que a maioría xa coñecía o conto, das andanzas deste curioso e intelixente gato.
(Se queres ver as fotos detidamente, pon o cursor enriba da foto e preme en pausa)

19/5/09

ANXO FARIÑA


Nesta IV Semana Cultural tivemos a sorte de contar, unha vez máis, coa visita de Anxo Fariña. Como sempre, bastou a súa presenza para que os nenos e nenas fosen quen de facer uns incribles debuxos. Aquí vai unha pequena mostra:
(Se queres ver as fotos detidamente, pon o cursor enriba da foto e preme en pausa)


NÓS TAMÉN ESTIVEMOS ALÍ

Manifestación a prol do galego.
Dicir que eramos miles, tampouco é dicir moito, pero nós, que estivemos alí, somos testemuñas de que eramos moitos miles, malia o mal tempo; porque, claro, o tempo solidarizouse coa nosa lingua doente. Poderiamos poñernos sentimentais é recurrir á personificación -tantas veces empregada- de que "o ceo choraba bágoas de tristeza", mais deixémonos de sentimentalismos e esixamos o que nos pertence.

15/5/09

A NOSA PEQUENA HOMENAXE A RAMÓN PIÑEIRO

CONTACONTOS: NENOS E NENAS DE 6º

Pero que bos contacontos tiñamos no "cole", e nós sen sabelo! Hai que agradecer a estes nenos e nenas o tempo que dedicaron aos ensaios e a preparar os textos na casa. Pronto veredes as fotos, de momento podedes ver a pequeniña montaxe que se fixo coas fermosas ilustracións do conto de "Cirano". Xa sabedes que agora está na biblioteca, tamén atoparedes alí os outros dous contos que vos contamos:"Orellas de bolboreta" e "Quen levou a Lúa", así que... a por eles!!!

"Cirano", un home moi especial e bondadoso.


"Quen levou a Lúa?", descobre o misterio da máxica desaparición na biblioteca.
Se alguén considera que este vídeo -que se fixo cunha finalidade educativa- atenta contra a propiedade intelectual, póñase en contacto con nós e será retirado de inmediato.



9/5/09

XA ESTÁ A CHEGAR A IV SEMANA CULTURAL 2009!!

Nesta IV Semana Cultural imos ter varios actos que esperamos vos gusten a todos e todas. O calendario é o seguinte:
  • Luns, 11: Cine en galego (1º e 3º ciclo)
  • Martes, 12: Cine en Galego (2º ciclo) e a obra "O Libro Máxico" de Migallas.
  • Mércores, 13: Contacontos (os nenos e nenas de 6º van contarnos uns contos moi fermosos, e ao mesmo tempo poderemos ver as ilustracións, que son moi "chulas".
  • Xoves, 14: Anxo Fariña visitaranos de novo, que nos ensinará nesta ocasión?
  • Venres, 15: Teatro dos nenos e nenas de 2º, homenaxe a Ramón Piñeiro (Parolando sobre Ramón Piñeiro e vídeo), entrega de premios do Certame Literario e Contos en cantos.
Anxo Fariña, ademais de ser ilustrador, é autor de libros como "Don Quixote e Breogán" ou "Os Megatoxos", de seguro que xa os coñecedes, porque... están na biblioteca!


RAP "DEITADO FRONTE AO MAR"

Sen ánimo de ofender a ninguén, invitámosvos a cantar este "rap" que ten como letra un poema de Celso Emilio Ferreiro, autor moi importante da nosa literatura que escribiu libros tan emocionantes como "Longa noite de pedra" ou "O soño sulagado".



DEITADO FRENTE AO MAR...

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque quero,
porque me gusta,
me peta e dame a gaña,
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
preto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós baleiros ,
non falo prós estupidos,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non quero arredar as miñas verbas de
todo os que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, (terra miña,
berce da miña estirpe,)
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

8/5/09

Fantástico discurso, Belén

MARABILLOSO ALEGATO A FAVOR DO GALEGO

Actividades en liña sobre Ramón Piñeiro

Queres oír a voz de Ramón Piñeiro?


Se queres saber cómo era a voz do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, aquí a tes:

24/4/09

Máis sobre Ramón Piñeiro, pero doutra maneira.


No seguinte enlace tendes unha liña do tempo virtual, onde se poden ver claramente os acontecementos máis importantes da vida e obra de Ramón Piñeiro. Ademais, tamén tendes un vídeo onde un neno nos narra a súa vida (poderedes ver a casa onde naceu, a súa irmá e moitas personalidades importantes da cultura galega).
Preme na foto.

http://www.timerime.com/timeline/75480/

Biblioteca das Letras Galegas

O enlace que tendes a continuación é moi interesante, nel podedes atopar moitos libros de autores galegos, como por exemplo, Rosalía de Castro, Ramón Piñeiro (hai unha cronobiografía deste autor moi completa nun dos seus cadernos). Tamén hai gravacións sonoras dalgunhas obras de Rosalía de Castro (fonoteca), manuscritos antigos (facsímiles), etc.
Para que te sexa máis fácil utiliza o buscador.
http://www.letrasgalegas.org/

23/4/09

IV CONTO VIAXEIRO

Hoxe, Día Internacional do Libro, tivemos a presentación do conto viaxeiro, que foi realizado entre o noso alumnado e o do C.E.I.P. de Carballal. Ademais de ver o vídeo, contamos cuns moi bos narradores, que nos relataron as peripecias que viviron os catro protagonistas para axudar a ese osiño desamparado.


20/4/09

WEBQUEST sobre Ramón Piñeiro





Aquí tendes a webquest na que podedes traballar para coñecer a figura de Ramón piñeiro. Lede atentemente todos os apartados e buscade a información nos enlaces que vos propoñemos.

Preme na foto.

2/4/09

IV CONTO VIAXEIRO

Xa temos rematado un novo conto, un conto no que non faltan bos sentimentos e moitas sorpresas. Non vos impacientedes, a súa presentación terá lugar o 23 de abril (Día internacional do Libro), así poderedes saber cal é o desenlace e admirar os fermosos debuxos que fixestes.

27/3/09

15/3/09

SEMANA CULTURAL 2009


Nesta Semana Cultural imos ter, como de costume, varios actos entre os días 11 e 15 de maio para celebrar as Letras Galegas. Contaremos unha vez máis, porque xa nos visitou no ano 2006 e 2007, coa visita do escritor e ilustrador Anxo Fariña. Ademais tamén teremos teatro a cargo dos nenos e nenas de 2º -que nos sorprenderán coa representación dun conto popular-, e da compañía chamada "Migallas" (seguro que a coñecedes, non?), que actuará o día 12 de maio para o alumnado do noso centro e o de Carballal. O título da obra é "O Libro Máxico".

CERTAME LITERARIO 2009

V CERTAME LITERARIO
C.E.I.P. MESTRE MARTÍNEZ ALONSO


Ide pensando qué conto ou qué poema queredes escribir para presentar a este V Certame Literario, como sempre haberá premios que serán entregados na Semana Cultural 2009 (maio). Anímate, talvez ti sexas un dos gañadores ou gañadoras!!


"AS PALABRAS VIAXAN NAS CARTAS, DEIXA QUE ELAS TE LEVEN A TI POLO MUNDO DA FANTASÍA E DAS EMOCIÓNS."

14/3/09

CELEBREMOS O "DÍA DA POESÍA" (21 de marzo) TODOS OS DÍAS


ANTOLOXÍA DA POESÍA GALEGA
MUSICADA

Na dirección que aparece a continuación, poderás escoitar fermosas cancións que teñen unha letra moi especial, xa que son poemas en galego, como por exemplo, "Chove en Santiago" de Federico García Lorca,"Vogar" de María Mariño, e mesmo o himno galego "Os Pinos" de Eduardo Pondal. Tamén poderás ler moitos poemas máis, compostos dende a Idade Media até os nosos días.
Preme nos triángulos para ver a letra.
http://sondepoetas.blogspot.com/

6/3/09

LETRAS GALEGAS 2009



Este ano o homenaxeado neste día vai ser Ramón Piñeiro López (Láncara 1915-Santiago 1990); se queres saber algo máis sobre este gran defensor da nosa cultura e, particularmente, da nosa lingua, preme na foto.

16/1/09

Exposición de cabazas

(Preme nas fotos, se queres aumentalas)

Como todos os anos, no Samaín, fíxose unha exposición de cabazas que, por falta de espazo, colocamos nos chanzos das escaleiras. Que susto nos deron algunhas cando subiamos, e non digamos o esqueleto ben ataviado co seu chándal que nos esperaba no corredor!!