19/5/09

ANXO FARIÑA


Nesta IV Semana Cultural tivemos a sorte de contar, unha vez máis, coa visita de Anxo Fariña. Como sempre, bastou a súa presenza para que os nenos e nenas fosen quen de facer uns incribles debuxos. Aquí vai unha pequena mostra:
(Se queres ver as fotos detidamente, pon o cursor enriba da foto e preme en pausa)


NÓS TAMÉN ESTIVEMOS ALÍ

Manifestación a prol do galego.
Dicir que eramos miles, tampouco é dicir moito, pero nós, que estivemos alí, somos testemuñas de que eramos moitos miles, malia o mal tempo; porque, claro, o tempo solidarizouse coa nosa lingua doente. Poderiamos poñernos sentimentais é recurrir á personificación -tantas veces empregada- de que "o ceo choraba bágoas de tristeza", mais deixémonos de sentimentalismos e esixamos o que nos pertence.

15/5/09

A NOSA PEQUENA HOMENAXE A RAMÓN PIÑEIRO

CONTACONTOS: NENOS E NENAS DE 6º

Pero que bos contacontos tiñamos no "cole", e nós sen sabelo! Hai que agradecer a estes nenos e nenas o tempo que dedicaron aos ensaios e a preparar os textos na casa. Pronto veredes as fotos, de momento podedes ver a pequeniña montaxe que se fixo coas fermosas ilustracións do conto de "Cirano". Xa sabedes que agora está na biblioteca, tamén atoparedes alí os outros dous contos que vos contamos:"Orellas de bolboreta" e "Quen levou a Lúa", así que... a por eles!!!

"Cirano", un home moi especial e bondadoso.


"Quen levou a Lúa?", descobre o misterio da máxica desaparición na biblioteca.
Se alguén considera que este vídeo -que se fixo cunha finalidade educativa- atenta contra a propiedade intelectual, póñase en contacto con nós e será retirado de inmediato.



9/5/09

XA ESTÁ A CHEGAR A IV SEMANA CULTURAL 2009!!

Nesta IV Semana Cultural imos ter varios actos que esperamos vos gusten a todos e todas. O calendario é o seguinte:
  • Luns, 11: Cine en galego (1º e 3º ciclo)
  • Martes, 12: Cine en Galego (2º ciclo) e a obra "O Libro Máxico" de Migallas.
  • Mércores, 13: Contacontos (os nenos e nenas de 6º van contarnos uns contos moi fermosos, e ao mesmo tempo poderemos ver as ilustracións, que son moi "chulas".
  • Xoves, 14: Anxo Fariña visitaranos de novo, que nos ensinará nesta ocasión?
  • Venres, 15: Teatro dos nenos e nenas de 2º, homenaxe a Ramón Piñeiro (Parolando sobre Ramón Piñeiro e vídeo), entrega de premios do Certame Literario e Contos en cantos.
Anxo Fariña, ademais de ser ilustrador, é autor de libros como "Don Quixote e Breogán" ou "Os Megatoxos", de seguro que xa os coñecedes, porque... están na biblioteca!


RAP "DEITADO FRONTE AO MAR"

Sen ánimo de ofender a ninguén, invitámosvos a cantar este "rap" que ten como letra un poema de Celso Emilio Ferreiro, autor moi importante da nosa literatura que escribiu libros tan emocionantes como "Longa noite de pedra" ou "O soño sulagado".



DEITADO FRENTE AO MAR...

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque quero,
porque me gusta,
me peta e dame a gaña,
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
preto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós baleiros ,
non falo prós estupidos,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non quero arredar as miñas verbas de
todo os que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, (terra miña,
berce da miña estirpe,)
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

8/5/09

Fantástico discurso, Belén

MARABILLOSO ALEGATO A FAVOR DO GALEGO

Actividades en liña sobre Ramón Piñeiro

Queres oír a voz de Ramón Piñeiro?


Se queres saber cómo era a voz do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, aquí a tes:

24/4/09

Máis sobre Ramón Piñeiro, pero doutra maneira.


No seguinte enlace tendes unha liña do tempo virtual, onde se poden ver claramente os acontecementos máis importantes da vida e obra de Ramón Piñeiro. Ademais, tamén tendes un vídeo onde un neno nos narra a súa vida (poderedes ver a casa onde naceu, a súa irmá e moitas personalidades importantes da cultura galega).
Preme na foto.

http://www.timerime.com/timeline/75480/

Biblioteca das Letras Galegas

O enlace que tendes a continuación é moi interesante, nel podedes atopar moitos libros de autores galegos, como por exemplo, Rosalía de Castro, Ramón Piñeiro (hai unha cronobiografía deste autor moi completa nun dos seus cadernos). Tamén hai gravacións sonoras dalgunhas obras de Rosalía de Castro (fonoteca), manuscritos antigos (facsímiles), etc.
Para que te sexa máis fácil utiliza o buscador.
http://www.letrasgalegas.org/

23/4/09

IV CONTO VIAXEIRO

Hoxe, Día Internacional do Libro, tivemos a presentación do conto viaxeiro, que foi realizado entre o noso alumnado e o do C.E.I.P. de Carballal. Ademais de ver o vídeo, contamos cuns moi bos narradores, que nos relataron as peripecias que viviron os catro protagonistas para axudar a ese osiño desamparado.


20/4/09

WEBQUEST sobre Ramón Piñeiro





Aquí tendes a webquest na que podedes traballar para coñecer a figura de Ramón piñeiro. Lede atentemente todos os apartados e buscade a información nos enlaces que vos propoñemos.

Preme na foto.

2/4/09

IV CONTO VIAXEIRO

Xa temos rematado un novo conto, un conto no que non faltan bos sentimentos e moitas sorpresas. Non vos impacientedes, a súa presentación terá lugar o 23 de abril (Día internacional do Libro), así poderedes saber cal é o desenlace e admirar os fermosos debuxos que fixestes.

27/3/09

15/3/09

SEMANA CULTURAL 2009


Nesta Semana Cultural imos ter, como de costume, varios actos entre os días 11 e 15 de maio para celebrar as Letras Galegas. Contaremos unha vez máis, porque xa nos visitou no ano 2006 e 2007, coa visita do escritor e ilustrador Anxo Fariña. Ademais tamén teremos teatro a cargo dos nenos e nenas de 2º -que nos sorprenderán coa representación dun conto popular-, e da compañía chamada "Migallas" (seguro que a coñecedes, non?), que actuará o día 12 de maio para o alumnado do noso centro e o de Carballal. O título da obra é "O Libro Máxico".

CERTAME LITERARIO 2009

V CERTAME LITERARIO
C.E.I.P. MESTRE MARTÍNEZ ALONSO


Ide pensando qué conto ou qué poema queredes escribir para presentar a este V Certame Literario, como sempre haberá premios que serán entregados na Semana Cultural 2009 (maio). Anímate, talvez ti sexas un dos gañadores ou gañadoras!!


"AS PALABRAS VIAXAN NAS CARTAS, DEIXA QUE ELAS TE LEVEN A TI POLO MUNDO DA FANTASÍA E DAS EMOCIÓNS."

14/3/09

CELEBREMOS O "DÍA DA POESÍA" (21 de marzo) TODOS OS DÍAS


ANTOLOXÍA DA POESÍA GALEGA
MUSICADA

Na dirección que aparece a continuación, poderás escoitar fermosas cancións que teñen unha letra moi especial, xa que son poemas en galego, como por exemplo, "Chove en Santiago" de Federico García Lorca,"Vogar" de María Mariño, e mesmo o himno galego "Os Pinos" de Eduardo Pondal. Tamén poderás ler moitos poemas máis, compostos dende a Idade Media até os nosos días.
Preme nos triángulos para ver a letra.
http://sondepoetas.blogspot.com/

6/3/09

LETRAS GALEGAS 2009



Este ano o homenaxeado neste día vai ser Ramón Piñeiro López (Láncara 1915-Santiago 1990); se queres saber algo máis sobre este gran defensor da nosa cultura e, particularmente, da nosa lingua, preme na foto.

16/1/09

Exposición de cabazas

(Preme nas fotos, se queres aumentalas)

Como todos os anos, no Samaín, fíxose unha exposición de cabazas que, por falta de espazo, colocamos nos chanzos das escaleiras. Que susto nos deron algunhas cando subiamos, e non digamos o esqueleto ben ataviado co seu chándal que nos esperaba no corredor!!


9/12/08

SAMAÍN E MAGOSTO 2008



(Preme nas fotos, se queres aumentalas)







Velaquí as fotos dos murais que se fixeron para celebrar o Samaín e o Magosto deste ano 2008. Dende agora xa coñecemos moi ben a historia desta festa celta: o Samaín.


Que bonitas rimas e refráns podemos ler nestas castañiñas!!





O día 14 de novembro celebramos o Magosto e algúns comeron castañas a fartar.




4/12/08

UN ANO EN FOTOS




Esta é unha pequena mostra dalgunhas das actividades do curso pasado, mais non aparecen as fotos das saídas e doutras actividades realizadas, como por exemplo, as fotos do Meco. Pronto poderedes velas noutra presentación.



16/11/08

"O LIBRO DAS PALABRAS REGALADAS DO OUTONO"


Este outono chegou cargado de palabras, das vosas palabras, esas que vos regalaron os vosos familiares. Tivemos a presentación do libro o día 14 de novembro, e a fermosa "Fada das Palabras Regaladas e os Agarimos" díxonos que estes son os verdadeiros agasallos, moito máis importantes cós que custan cartos. Tamén se lles entregou un exemplar aos nenos e nenas do C.E.I.P. Carballal, cos que compartimos o centro durante este curso, ademais das palabras "COMPARTIR" e "AMIZADE".
Aquí tendes o vídeo que se fixo con algunhas das palabras que aparecen no libro, o cal puidestes ver ese mesmo día proxectado co canón; para ler os significados destas palabras contamos con dous estupendos narradores, Ailén e Néstor.












Para rematar todos e todas limos as palabras que aparecen neste vídeo; pero para lelas todas, haberá que mirar o libro que está na nosa biblioteca.

E o acto continuou, deseguido puxémonos a cantar "Corre, corre, cabaciña", con bis incluído.

17/9/08

FOTOS

CONTO VIAXEIRO 2008

Este ano o noso conto, que xa é o terceiro, titúlase "Laura, a serea da Illa Vermella", este é un conto cheo de solidariedade, amizade e ...amor. Aquí tendes o vídeo que fixo o E.N. D.L. do centro cos debuxos e o texto que entre todos e todas creastes. Xa sabedes, porque todos e todas levastes un conto para a vosas casas, que o texto é máis longo; pero aquí está un pouco reducido para que sexa máis dinámico e para que a súa lectura sexa máis doada.

O Día do Libro puidemos ver co canón a presentación do noso conto, agora aquí o tendes para lelo cando queirades.

Erro: Cando no texto aparece: "Cando Laura chega á illa descubre que os sereos e as sereas están enfermos"..., debería dicir descobre.