Dende o equipo de normalización lingüística organizamos unhas sesións de contos en diferentes linguas para os nenos e nenas de educación infantil. O conto elixido foi "A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza" e as mestras do colexio contárono en galego, inglés e francés. Deixamos os vídeos para que o escoitedes e esperamos que vos guste .
Este ano o entroido adicámolo a diferentes épocas históricas. Nas fotos podedes comprobar a variedade de traxes e o ben que o pasamos no baile de entroido.
Ola nenos e nenas, no mes de xaneiro, con motivo do Día da Paz, os equipos de biblioteca e normalización organizamos unha sesión de contos cantados para o alumnado de educación infantil. Os contos elixidos foron "Dona Carme" e "Lobo feroz" e interpretáronos os nenos e nenas de 4º. Aquí vos deixamos algunhas fotos da actividade que resultou moi divertida.
Ola, no pasado trimestre os nenos e nenas de ed. infantil e o 1º ciclo de ed. primaria realizaron unha merenda monstruosa, agora elaboraron un libro coas receitas, esperan que vos guste e que vos animedes a preparar estes pratos tan terrorríficos
Ola, nenos e nenas! Aquí estamos de novo, neste curso 2009/2010, para mostrarvos o que se fai dende o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso centro. Comezaremos por ensinarvos as fotos da exposición de cabazas decoradas que se realizou neste Samaín 2009. Como sempre houbo moito inxenio e creatividade.
MERENDA MONSTRUOSA DO ALUMNADO DE E.I. E 1º CICLO As profes de E.I. fixeron unha merenda tan terrorífica que facía tremer a calquera!
CONTO DE XAIME E AS LANDRAS
Os nenos e nenas de E.I. contáronlle un conto, titulado "Xaime e as landras", ao alumnado de 6º, quen tivo que escribilo e xuntos fixeron uns fermosos debuxos.
Dende este blogue non queremos deixar de manifestar o innecesario, e até retrógrado, que nos parece cuestionar o valor lingüístico de uso e aprendizaxe que a lingua galega debe ter. Porén,o decreto que rixe o uso do galego está a se debatir, un decreto que fixa un equilibrio do 50% entre as dúas linguas. Temos que entender que a lingua forma parte do noso patrimonio e que non exclúe ningún tipo de aprendizaxe, senón que aumenta as potencialidades lingüísticas do noso alumnado, tal como queda reflectido no informe Pisa, nel constátase que o dominio do castelán e o inglés dos alumnos e alumnas galegos/as é superior á media española. Se queres ler máis información a este respecto aquí tes este documento:
Dentro dos actos desta IV Semana Cultural, contamos coa actuación da coñecida compañía de teatro "Migallas", que representou a fascinante obra titulada "O Libro máxico". Grazas a estes actores puidemos comprobar que dentro dun libro hai todo un mundo de fantasía, só temos que abrir a porta, e... como?, pois abrindo un libro, xa que todos os libros poden ser máxicos, comprobádeo!! Moito rimos e cantamos e, para que vos acordedes dese día, aquí tendes unha morea de fotos.
Un ano máis fixemos entrega dos agasallos aos premiados e premiadas neste Certame Literario 2009. Esperamos e desexamos que sigan a escribir e... quen sabe!!, talvez dentro duns anos reciban outro merecido premio nun certame máis importante. As sorprendentes narracións e os fermosos poemas dos gañadores/as serán publicados no noso xornal "Louro", en xuño. Tamén foi premiado, como todos os anos, o alumnado de Educación Infantil polo seu gran traballo realizado na modalidade de "murais", o tema do mesmo era: "O galego como medio de comunicación" e o seu título é "Dona Carme" (como podedes ver na foto este ano vai ser un mural permanente, porque foi feito nunha parede da E.E.I. de Louredo).
Para celebrar o Día das Letras Galegas puidemos ver a presentación sobre a biografía do autor homenaxeado, narrada polo noso "particular" Ramón Piñeiro; quen, como de costume, aparecía sentado na súa mesa de braseiro escribíndonos unha carta. Pero antes, grazas a Mariña e a Pepiño, xa soubemos algunhas cousiñas sobre este autor, a pesar de que Pepiño ben que se liaba!! Menos mal que Mariña lle aclaraba todo -que paciencia tivo!!-, tamén nos leu a carta onde Ramón Piñeiro nos contaba o importante que é a nosa lingua, o galego.
(Se queres ver as fotos detidamente, pon o cursor enriba da foto e preme en pausa)
Os nenos e nenas de 2º demostraron que son uns estupendos actores e actrices!! Este ano representaron a obra titulada "O Gato con Botas", e o público quedou moi sorprendido, aínda que a maioría xa coñecía o conto, das andanzas deste curioso e intelixente gato. (Se queres ver as fotos detidamente, pon o cursor enriba da foto e preme en pausa)
Nesta IV Semana Cultural tivemos a sorte de contar, unha vez máis, coa visita de Anxo Fariña. Como sempre, bastou a súa presenza para que os nenos e nenas fosen quen de facer uns incribles debuxos. Aquí vai unha pequena mostra: (Se queres ver as fotos detidamente, pon o cursor enriba da foto e preme en pausa)
Manifestación a prol do galego. Dicir que eramos miles, tampouco é dicir moito, pero nós, que estivemos alí, somos testemuñas de que eramos moitos miles, malia o mal tempo; porque, claro, o tempo solidarizouse coa nosa lingua doente. Poderiamos poñernos sentimentais é recurrir á personificación -tantas veces empregada- de que "o ceo choraba bágoas de tristeza", mais deixémonos de sentimentalismos e esixamos o que nos pertence.
Pero que bos contacontos tiñamos no "cole", e nós sen sabelo! Hai que agradecer a estes nenos e nenas o tempo que dedicaron aos ensaios e a preparar os textos na casa. Pronto veredes as fotos, de momento podedes ver a pequeniña montaxe que se fixo coas fermosas ilustracións do conto de "Cirano". Xa sabedes que agora está na biblioteca, tamén atoparedes alí os outros dous contos que vos contamos:"Orellas de bolboreta" e "Quen levou a Lúa", así que... a por eles!!!
"Cirano", un home moi especial e bondadoso.
"Quen levou a Lúa?", descobre o misterio da máxica desaparición na biblioteca. Se alguén considera que este vídeo -que se fixo cunha finalidade educativa- atenta contra a propiedade intelectual, póñase en contacto con nós e será retirado de inmediato.
Nesta IV Semana Cultural imos ter varios actos que esperamos vos gusten a todos e todas. O calendario é o seguinte:
Luns, 11: Cine en galego (1º e 3º ciclo)
Martes, 12: Cine en Galego (2º ciclo) e a obra "O Libro Máxico" de Migallas.
Mércores, 13: Contacontos (os nenos e nenas de 6º van contarnos uns contos moi fermosos, e ao mesmo tempo poderemos ver as ilustracións, que son moi "chulas".
Xoves, 14: Anxo Fariña visitaranos de novo, que nos ensinará nesta ocasión?
Venres, 15: Teatro dos nenos e nenas de 2º, homenaxe a Ramón Piñeiro (Parolando sobre Ramón Piñeiro e vídeo), entrega de premios do Certame Literario e Contos en cantos.
Anxo Fariña, ademais de ser ilustrador, é autor de libros como "Don Quixote e Breogán" ou "Os Megatoxos", de seguro que xa os coñecedes, porque... están na biblioteca!
Sen ánimo de ofender a ninguén, invitámosvos a cantar este "rap" que ten como letra un poema de Celso Emilio Ferreiro, autor moi importante da nosa literatura que escribiu libros tan emocionantes como "Longa noite de pedra" ou "O soño sulagado".
DEITADO FRENTE AO MAR...
Lingua proletaria do meu pobo eu faloa porque si, porque quero, porque me gusta, me peta e dame a gaña, porque me sae de dentro, alá do fondo dunha tristura aceda que me abrangue ao ver tantos patufos desleigados, pequenos mequetrefes sen raíces que ao pór a garabata xa non saben afirmarse no amor dos devanceiros, falar a a fala nai, a fala dos avós que temos mortos, e ser, co rostro erguido, mariñeiros, labregos da linguaxe, remo e arado, proa e rella sempre.
Eu faloa porque si, porque me gusta e quero estar cos meus, coa xente miña, preto dos homes bos que sofren longo unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios, non falo prós ruíns e poderosos, non falo prós finchados, non falo prós baleiros , non falo prós estupidos, que falo prós que aguantan rexamente mentiras e inxusticias de cotío; prós que súan e choran un pranto cotián de bolboretas, de lume e vento sobre os ollos núos. Eu non quero arredar as miñas verbas de todo os que sofren neste mundo. E ti vives no mundo, (terra miña, berce da miña estirpe,) Galicia, doce mágoa das Españas, deitada rente ao mar, ise camiño...
No seguinte enlace tendes unha liña do tempo virtual, onde se poden ver claramente os acontecementos máis importantes da vida e obra de Ramón Piñeiro. Ademais, tamén tendes un vídeo onde un neno nos narra a súa vida (poderedes ver a casa onde naceu, a súa irmá e moitas personalidades importantes da cultura galega). Preme na foto.
O enlace que tendes a continuación é moi interesante, nel podedes atopar moitos libros de autores galegos, como por exemplo, Rosalía de Castro, Ramón Piñeiro (hai unha cronobiografía deste autor moi completa nun dos seus cadernos). Tamén hai gravacións sonoras dalgunhas obras de Rosalía de Castro (fonoteca), manuscritos antigos (facsímiles), etc. Para que te sexa máis fácil utiliza o buscador. http://www.letrasgalegas.org/
Hoxe, Día Internacional do Libro, tivemos a presentación do conto viaxeiro, que foi realizado entre o noso alumnado e o do C.E.I.P. de Carballal. Ademais de ver o vídeo, contamos cuns moi bos narradores, que nos relataron as peripecias que viviron os catro protagonistas para axudar a ese osiño desamparado.
Somos o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do C.E.I.P. Mestre Martínez Alonso de
Mos, un grupiño de xente, que xunto con todo o profesorado do "cole", intenta darlle un pulo ao galego e a nosa cultura.
RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE VERÁN
-
O curso chegou ao seu fin, e con el péchanse moitas páxinas cheas de
aprendizaxes, risas, descubrimentos e lecturas compartidas. Dende a
biblioteca esco...
RATIÑO E RATIÑA XA ESTÁN AQUÍ DE NOVO!
-
Ola a todos!
Xa estamos aquí de novo e traemos moitas novas que contarvos!
Para empezar e por se non o sabedes (que algún de vos é moi despistado) xa
está...
Se queres colaborar con nós en atopar a orixe dos topónimos do noso concello, só tes que apuntar a procedencia do topónimo, mesmo daqueles que xa non se usan ou foron substituídos. Poden ser nomes de lugares, parroquias, muíños, camiños...
IV CERTAME LITERARIO
Este ano houbo moita participación e non foi doado elixir entre tantos traballos, pero só algúns podían gañar. Os seus traballos serán publicados, como xa é costume, no xornal Louro.
Conto Viaxeiro 2008
O novo conto xa está en marcha!! Douvos un anticipo, este ano está relacionado co mar e con moitos e orixinais persoaxes. A ver ónde nos leva a imaxinación dos nosos alumnos e alumnas!!
Conto viaxeiro 2008
O noso novo conto xa rematou e pronto vos colgarei o vídeo que puidemos ver o Día Internacional do Libro. Este ano xa sabedes que esta caracterizado polo romanticismo e o altruísmo, é dicir, a axuda incondicional.
Letras Galegas 2008
Este ano o homenaxeado será Xosé María Álvarez Blázquez, persoeiro da nosa cultura que traballou a prol da edición de obras en galego. Tamén foi escritor e poeta.
SEMANA CULTURAL 2008
Na Semana Cultural 2008 contamos con dous invitados moi importantes dentro do ámbito cultural e sobre todo literario: Abraham Carreiro e Fina Casalderrey. O primeiro amosoulles aos máis pequenos cómo podemos ilustrar os contos e a devandita autora comentou os seus libros co alumnado de 2º e 3º ciclo. Os noso alumnado de 5º e 6º visitaron o xornal "Faro de Vigo" para coñecer de cerca unha actividade moi relacionada co autor homenaxeado, é dicir, a edición. Tivemos tamén, na súa terceira edición, "Cine en Galego"; entrega de premios do IV Certame Literario; teatro a cargo dos nenos de 1º A e B...
Visita de Fina Casalderrey
Na nosa Semana Cultual 2008 o alumnado do 2º e 3º ciclo poderán coñecer en persoa a Fina Casalderrey. Con ela falarán dos seus libros e das súas inquedanzas, proxectos... e concretamente dos seus libros titulados: "Quen me quere adoptar?", "A lagoa das nenas mudas"; "Chamizo" e "Asústaste, Merche" que lerán os nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º nivel respectivamente.
As Estrelas da Amizade
Se queredes ver o noso conto do último ano " As Estrelas da Amizade" só tendes que pasar pola biblioteca; pero se queredes un aperitivo, aquí vai unha chea de imaxes que acompañan ao texto. Esta montaxe esta feita cos vosos debuxos, espero que vos guste. O Día do Libro celebrarase a súa presentación na biblioteca, onde haberá moitas estreliñas!
Día das Letras Galegas 2007
O ano pasado a homenaxeada neste día foi María Mariño, unha muller moi estraña, pero cunha grande sensibilidade poética. Aquí presentamos a esta poeta cunha reportaxe fotográfica na que abondan moitas estampas do Courel, terra na que viviu moitos anos co seu marido e onde coñeceu ao seu gran amigo Uxío Novoneyra.
Visita de autores na Semana Cultural 2007
O ano pasado tivemos o honor de contar coa visita do ilustrador Anxo Fariña, que nos amosou como todos somos quen de debuxar a don Quixote, e tamén do recoñecido escritor que acaba de acadar un novo premio, Antonio García Teijeiro, autor que nos ensinou a pensar co corazón.
As pedras de Mos falan galego
Este curso imos de roteiro, polo menos os nenos e nenas do 2º e 3º ciclo, xa que para os máis pequenos pode ser moi canso. Tentaremos descubrir eses caprichos da natureza: pedras que ata poden falar en galego!, se sabemos escoitar. Para poder levar a cabo esta actividade contaremos co asesoramento da asociación Mosqueo, axuda que agradecemos de antemán. Así que a poñerse en forma!!!
O Libro das Palabras Regaladas
O Libro das Palabras Regaladas vén con retraso, pero non deixaremos de facelo. Como xa se dixo, de entre todas elas vaise escoller a palabra máis fermosa, e o neno ou nena que a trouxo recibirá un pequeno agasallo. A presentación do libro e a entrega do agasallo terá lugar o día da presentación do noso conto viaxeiro. Agardade ata entón!!!! Aínda que vos adianto que hai palabras moi fermosas coma "candea", "faísca"...
Certame Literario
Pronto teremos noticias do IV Certame Literario, no que esperamos que haxa moita participación. A súa presentación será o 6 de febreiro.
Xa chega o "Entroido"
Este ano o Entroido vén cediño, aqui tendes colgada a sesión de fotos dos entroidos tradicionais de Ourense, que fixemos o curso pasado. Gozade co colorido de peliqueiros, cigarróns, pantallas, vergalleiros ... Ademais tendes os carteis que se fixeron sobre estes pesonaxes. Traballo custou a profes e alumnos, pero ben bonitos que quedaron!